8.7.09

Charla no VI Curso Universitario de Verán de Comunicación Audiovisual



O VI Curso Universitario de Verán de Comunicación Audiovisual, este ano centrado no tema "O audiovisual e as industrias culturais", e baixo a dirección de Miguel Anxo Fernández, terá lugar os días 8, 9 e 10 de xullo de 2009 no magnífico marco do mosteiro de San Rosendo de Celanova. Na presente edición preténdese reflexionar sobre o audiovisual e a súa relación coa cultura e mais coa industria, dous territorios cos que precisa convivir pero que, ao mesmo tempo, lle demandan necesidades diferentes, as mesmas que oscilan entre o negocio e a creación, entre a rendibilidade económica e a expresión artística. Simultaneamente, e coa colaboración dos seus respectivos autores, haberá ocasión de ver dous filmes de produción recente, recoñecidos con sendos premios Mestre Mateo 2009: a longametraxe documental Flores tristes, de Teo Manuel Abad, e a ficción de Ángel de la Cruz, Os mortos van á présa. O VI Curso Universitario de Verán de Comunicación Audiovisual de Celanova conta co apoio da Vicerreitoría de Planificación e Desenvolvemento do Campus de Ourense, e co patrocinio do Consorcio Audiovisual de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense, do Concello de Celanova e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén colabora, coma sempre, a Televisión de Galicia. A matrícula xa está aberta. Podedes atopar máis información na páxina da Vicerreitoría do Campus de Ourense, e podedes consultar aquí o programa do Curso.


Eu darei unha charla o xoves 9 de xullo ás 5:30 da tarde, xunto con David Rubín e Miguelanxo Fernández co tema: BANDA DESEÑADA ¿INDUSTRIA CULTURAL EN GALICIA?

No hay comentarios: