Mostrando entradas con la etiqueta Premio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Premio. Mostrar todas las entradas

13.9.10

RETRANCA PREMIO OURENSE Á MELLOR INICIATIVA DE BANDA DESEÑADA 2010 !!




O Premio Ourense de Banda Deseñada, que outorga anualmente a Casa dá Xuventude de Ourense e a Concellaría de Cultura para distinguir importantes iniciativas e traxectorias dentro deste sector, recaeu este ano na revista RETRANCA. A revista de humor galego, publicada dende o 2007 por Kiko da Silva, é a única publicación en galego deste tipo que logrou chegar aos 3 anos de vida sen subvencións.

O galardón será entregado no transcurso da inauguración das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, o próximo mes de outubro, e consiste nun trofeo elaborado expresamente para cada edición deste certame polo artista plástico Manolo Figueiras.

Creada en outubro de 2007, Retranca está dirixida por Kiko da Silva e ten como obxectivo facer humor gráfico sen censura e politicamente incorrecto. Pola revista pasaron case a totalidade dos humoristas gráficos galegos actuais e viron a súa obra traducida moitos autores españois, arxentinos e chilenos , unha publicación que deu ademais a oportunidade de publicar a novos valores do humor gráfico tanto galego como español e converteuse nunha cita mensual (aínda que actualmente sae bimestralmente por mor da crise) cós quioscos galegos.

Máis información
AQUÍ.

26.10.07

Kiko da Silva, galardoado co premio Xoán Manuel Pintos






Déixovos a noticia que sae hoxe en La Voz de Galicia:

A mención recoñece o compromiso do ilustrador coa lingua galega

La Voz de Galicia. María Conde
Foto: Ramón Capotillo

O debuxante de La Voz de Galicia Kiko da Silva acaba de ser galardoado co premio Xoán Manuel Pintos que concede o Concello pontevedrés para recoñecer a aquelas persoas e entidades que destacan polo seu labor de impulso da lingua galega. Ademáis, o premio pretende tamén manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento.
No caso de Da Silva, premiado no ámbito local, o xurado destacou «ou seu compromiso constante co galego» como exemplo de normalidade no uso da lingua desde o mundo da ilustración, o humor gráfico e a banda deseñada.

«Ademáis -engade o texto do comunicado do xurado- polo seu traballo e pola súa idade, constitúe un referente no uso normal da lingua para a sociedade e, de maneira especial, para a xente nova».

O artista amosouse onte «asombrado» pola concesión deste galardón, «sobre todo polos anos que teño», dixo. Pero agradeceu este recoñecemento, «que é un orgullo e anima, cando ademáis acábome de meter noutra lea». Da Silva refírese ao seu novo proxecto, a revista Retranca, que sairá á venda o vindeiro mes de novembro e na que pretende recuperar o humor galego. Nestes intres, o ilustrador traballa asimesmo na creación dun mural nas paredes da sala infantil da biblioteca pública, do que xa leva feitos dous debuxos.

«Esto é un sinal de que a xente está pendente do que fago e que ten un interese -engadiu o ilustrador-. E sobre todo, anima tamén vendo quen son os premiados dos anos anteriores».
Precisamente, o galardoado do 2006, o xuiz da Audiencia Provincial Xosé Barreiro Prado, foi un dos integrantes do xurado que premiou a Kiko da Silva.

Xunto a el estiveron a concelleira de Normalización Lingüística, Anxos Riveiro; Leonor González Prieto, ex presidenta da APDR; o artista Antón Sobral; Eva Alonso, representante do Colexio Profesional de Xornalistas; María Xosé Hervés Santiago, representante do equipo de normalización lingüística do IES Carlos Oroza; Mercedes Vázquez, da Asociación MaisLibros e Xosé Fernando Filgueira, da Fundación Filgueira Valverde, entre outros.

Xunto ao ilustrador resultou tamén premiada no ámbito de Galicia a asociación Puntogal, polo labor que desenvolve desde xuño do 2006 para conseguir que a lingua e a cultura galega teñan un dominio propio en Internet.

Este dominio, segundo o xurado, axudará «a situar a Galicia na Rede como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos e sociais». Puntogal conta co apoio de diversos organismos e asociacións galegas do ámbito cultural, lingüístico e da comunicación.
A entrega destes galardóns terá lugar no transcurso dunha cea o vindeiro 16 de novembro, no Pazo da Cultura pontevedrés.